Xornada Radiovisual Interescolar Ponte... nas ondas!!

 Hoxe énchemonos de orgullo, ritmo e moito respecto pola nosa tradición. O pasado 24 de abril, o equipo de Ponte na onda. Radio trasladouse ata a vila mariñeira de Caión para participar na Xornada Radiovisual Intercentros, un evento espectacular organizado pola Asociación Ponte... nas ondas!

Foi un día inesquecible no que compartimos ondas, micros e moitas risas con centros de toda a zona, pero se algo temos que destacar... é que o noso alumnado deixou o listón ben alto!

Un dos momentos estrela do noso programa foi a entrevista en directo que os nosos locutores e locutoras lle fixeron a dous regueifeiros de sona da comarca de Bergantiños, Suso e Antonio de Xornes.

Os mozos e mozas demostraron unhas táboas impresionantes ante o micrófono, preguntándolles polos segredos da improvisación oral, por como nace esa faísca para responder ao momento con retranca e pola importancia de que a mocidade colla o relevo desta arte tan nosa. Escoitalos dialogar e ver o respecto mutuo entre xeracións foi un auténtico luxo.

E para rematar... o alumnado de 1º ESO lanzouse a crear un baile coas regueifas na cabeza!!! Cunha enerxía contaxiosa, encheron o espazo de ritmo, coordinando os pasos tradicionais e demostrando que o noso folclore está máis vivo e renovado que nunca nas mans das novas xeracións. ¡O público non parou de aplaudir!





Queremos darlle as grazas de corazón a Ponte... nas ondas! por seguir impulsando estes encontros que unen a radio, a escola e o patrimonio inmaterial de Galicia. Grazas tamén aos dous mestres regueifeiros pola súa xenerosidade e, por suposto, a ese equipazo de 1º de ESO e da radio que traballou arreo para que todo saíse perfecto.

Ata a próxima onda... ¡e que non pare a regueifa!

Comentarios