O pasado sábado 17 de outubro, o alumnado do IES Eduardo Pondal estivo presente nunha cita moi especial: a homenaxe aos regueifeiros do Concello de Ponteceso. O encontro celebrouse no local sociocultural de Xornes coincidindo co Día Internacional do Patrimonio Cultural Inmaterial, unha data conmemorada pola UNESCO para poñer en valor as tradicións vivas da nosa cultura.
A participación do noso centro enmarcouse dentro do proxecto Ponte… nas Ondas! e realizouse en estreita colaboración con dita asociación xa que aportaron a parte técnica ao noso programa de radio. Para esta ocasión, o alumnado desenvolveu un programa de radio especial dedicado á regueifa, unha iniciativa que lles permitiu mergullarse de cheo na riqueza da tradición oral de Bergantiños, dando voz e visibilidade a este patrimonio inmaterial tan noso. Como prato forte desta cobertura radiofónica, as nosas alumnas Alba Torrado e Uxía Antón realizaron unha extensa entrevista á recoñecida regueifeira Lupe Blanco acompañada por Alberto Liñares, así como aos alumnos e alumnas da Escola da Regueifa de Carballo, Diego Turati, Tirso Baldomir e Celtia Vázquez coñecendo de primeira man tanto a experiencia das figuras consagradas coma a ilusión da canteira.
Ademais do noso espazo radiofónico, a xornada en Xornes contou cun completo programa de actividades pensado para recoñecer, celebrar e preservar o legado dos regueifeiros da comarca: un obradoiro no que participou todo o público da man de Lupe Blanco, proxeccións audiovisuais, unha actuación musical e a propia homenaxe aos regueifeiros ou ás súas familias.
Foi unha xornada inesquecible de convivencia, música e palabra improvisada, na que Ponte na onda. Radio volveu servir de ponte entre as novas xeracións e a memoria cultural da nosa terra. Podedes escoitar a entrevista completa clicando no enlace.
Aprendede e desfrutade!!!

.jpeg)

Comentarios
Publicar un comentario